25 de novembro de 2011

PUXEMOS A SALDO CASE TODO




PUXEMOS A SALDO CASE TODO


Puxemos a saldo case todo
os manuais de cortesía, as boas prácticas
a lírica ambulante,
guindamos as mellores intencións
por ver se aínda quedan
incautos polo mundo
mais ninguén se detivo nin sequera
a ollar para nós
que puxemos a saldo case todo
inclusive as palabras
que ficaron exhaustas
como lixo esparexido
nunha mañá calquera de domingo
na que reloce o sol


até a próxima finde.



       Raquel Pazos GarridoSafe Creative #1111250598502 
Vigo, novembro 2011


8 de novembro de 2011

FUNDAS OBREIRAS




As fundas dos obreiros están colgadas
a imaxe se repite incesante e incisiva
a cidade é un tendal coas fundas colgadas
as fundas dos obreiros que están na casa,
Pepe, Xoán, Elixio,

e non sei …
                       que facer con elas

no tendal da rúa moumean
ondean ao vento coma espantallos
fundas novas, fundas sucias
vellas fundas azuis con parches
sacuden tantos soños
na noite,  sen cabeza, 
sen  pés
                 onde pousar. 








Raquel PazosSafe Creative #1111080476759
Vigo, novembro de 2011


27 de outubro de 2011

MERIDIANO CERO




Greenwich, Londres



MERIDIANO CERO


Agora que fun quen
de atravesar a liña divisoria
do mundo
cun pé a cada lado
e os días de azul ficaron esmorecidos na memoria
Madrid 3 43’  W,  Los Angeles, Roma
o peso do vivido repartido
a mente en paralelo ás coordenadas
Leste     Oeste
o ben  e   o mal
un antes    e  un despois

Agora non comprendo
esta teima voraz
que temos os humanos por dispoñer o mundo
Instalamos un tubo de xeo entre os miolos
e o corazón, órgano esencial
dividido en catro cavidades
Incrédulo,
obedece fielmente ós designios
dunha liña imaxinaria


Raquel PazosSafe Creative #1105089162607



20 de setembro de 2011




Neno de Tánger

    “- Cómprame algo…cómprame algo.
O neno levaba uns cabaliños de madeira na man.
     - Non.
     - De onde es?
     - De Galicia, respondín.
     - Ah, ao Norte?
     - Si.
     - Despois,  despois me compras,   despois Si.
     - Dame ese reloxo, ese reloxo azul que levas.
     - Non, non podo.
     - Cómprame algo… cómprame algo.
     - Non.
     - Cómprame algo… pensa nos teus fillos…
     - Cómprame algo… Galicia, cómprame algo…
     - Galicia, pensa en min”.

Apenas consigo subir ao autocar entre pulseiras de cobre, espellos dourados…
O neno aínda me mira impasible,  tras do cristal,  
cos cabaliños na man. 

8 de Setembro 2011


31 de julho de 2011

FUGACIDADE


o que somos non existe


ata que o deixamos de ser



Vigo (Bouzas) 2011
Raquel Pazos


16 de julho de 2011



AZUL  NOS  DÍAS


Mañanciñas de chupete,

atardeceres  de vagar

e música

ao volante



Compañeiro fiel

ficache no centro mesmo

da casa

durmido ao sol



Por ti

o  sabor doce  e azul nos días,

as mans que tantos anos te guiaron

implacables serán



Son quen agora che despiden

e saben 

que por máis que queza

o mar non arde 




Raquel Pazos GarridoSafe Creative #1107169689608

26 de junho de 2011

18 de junho de 2011

Este ritmo, este ritmo de viaje,
esta navegación entre la bruma,
todo lleva consigo su bandera extraviada,
                                                                           su aurora boreal...
José Carlos Becerra






RITMO


Ás veces o ritmo é un coñecido estranxeiro
que ven de aterrar e te leva de copas,
é un seductor de vara na man
que fai alarde de movementos provocativos ao máis sensato
facéndoche pasar vergonza
¡se te viras no espello!
Cómplice de ti e de min, co vaso na man,  pero sempre
cunha desas relacións de toma e daca.


Non sei por qué me deu en falar  hoxe do ritmo
porque non sendo en noites de balbordo
para min ese señor,  é un acosador
e coma sempre, rebelde que son
lle poño trabas.


É por iso que non vos estrañedes se chego tarde á cita e de mal humor
é que se me puxo á porta rabioso o ritmo
coma un can  que me quere trabar
e deume mágoa ter que o prender.





Raquel Pazos GarridoSafe Creative #1106189494773



7 de junho de 2011

SERÁ QUE NON ESTÁS…


Coimbra, Abril de 2011




Tes o toque especial dunha  gravata alegre

que  consegue desviarme da conversa do grupo

para te seguir  coa mirada  na distancia.



Seica teño o  don do espectador

e aínda que o filme mil veces se repita

non podo evitar desde a butaca

contemplar esa última escena

pecho os ollos e  recordo

o xeito prudente  e sublime

que tivemos para nos despedir.



Nesta perspectiva que manteño tenaz

será que non estás…

pero recoñézote

aínda cando

non somos maís que dous estraños

que se cruzan na rúa.



A renuncia é unha fenda escura e fría

pola que tiven que botarme a andar

costa arriba en dirección contraria




Raquel Pazos GarridoSafe Creative #1106079404097   




31 de maio de 2011

ASÍ   AS  COUSAS



A vila foi medrando programadamente segundo os intereses dun  único gobernante vil, como non podía ser doutro xeito,  que prometeu na campaña electoral,  preto das eleccíóns, vivendas  a un prezo módico coa particularidade especial de levalas a cabo na  zona  da vila que auguraba o maior futuro turístico.

Así foi como Nabeira  viu a luz,  cunha estrutura circular plenamente plasmada nos planos do arquitecto mellor valorado polo equipo de goberno, e nos que con claridade se diferenciaban as zonas de vivendas sociais, de bloque pintado a unha soa cor,  doutras que gozaban amais das  vistas cara a beira do mar, dunha construción mellor acabada, con deseño de  vangarda e iso si, todas elas,  as indixentes e as fastosas, con non máis dunha  ducia  de andares de altura.

Esta rigorosa estrutura circular, xiraba  a rentes dunha grande extensión  central  de grava, onde ben definida a fonte e os bancos,  a diversión de pequenos e maiores estaba asegurada.

Unha única rotonda gobernaba o tráfico e permitía os cambios de dirección, e forzosamente a entrada e saída de Nabeira pasaba por bordeala.

 Ao principio a terra revolta, terróns escuros dispersos pola superficie ,  ao criterio do legón do funcionario de turno, encargado de adecentar,  o que no futuro sería o celme da decoración, punto culminante de atención e obxecto de inauguración,  foi ao cabo dos días mudando,  distinguíndose no centro,  un pequeno montículo que ía apuntando coma se a terra estivera preñada e a punto. . . ata que agromou,  ninguén sabe como nin porqué, a man pechada.

O certo é que ninguén entende no vecindario,  se a man pechada que brotou entre os terróns,  é a man dun xigante recén que apreta o puño pola dor, coa  carraxe de non ter biberón,  ou  se é o símbolo de victoria que lle naceu a Nabeira  porque o equipo local de fútbol finalmente logrou pasar á primeira división. Quen sabe?




    Texto, Puño e Foto de Raquel Pazos GarridoSafe Creative #1105319343721



17 de maio de 2011

Letras Galegas 2011





"A amizade protexe e o amor cura
o odio contaxia e fire
a indiferencia mata.

Apagado este incendio sobrevivide libres
deste estertor final de quen vos ama.”
                          (Análise hemática do amor)


Lois Pereiro, chegou a min, da man dunha persoa que quero e para a que non son indiferente.
O libro era o mellor detalle que me podía ofrecer. Acompañado dunhas rosas, pedíame un sorriso.


(Pouco antes de morrer, Raymond Carver
Escribiu o inicio dun poema:
“¿E conseguiches o que
querías desta vida?
Conseguino, si.
¿E que querías?
Considerarme amado, sentirme
amado na terra.”

Eu tamén podería dicir o mesmo…)


Isto pertence á adicatoria de poesía última de Amor E EnfermidaDe



LOIS PEREIRO, Conseguíuno, (eu tamén)
Grazas



5 de maio de 2011

para soñar


ANTÓNIO ZAMBUJO

Renovador da música popular portuguesa
Excepcional






30 de abril de 2011

ERNESTO SÁBATO


Aos 99 anos, 
unha vida longa
unha obra relativamente breve
unha paraxe imprescindibel



25 de abril de 2011










doce amencer



Abre o día
mais eu prefiro a tranquilidade absoluta entre as sabas
oio o ruído dos coches ao pasar
e os tacóns da veciña de arriba que veñen e van.
teño mocos
e teño que me erguer para soarme
a máis de 120, rapidiño…
que me quero meter na cama quente
pechar os ollos e conducir o soño
fóra, algún paxariño póusase no peitoril da ventá
escoito as uñas no aluminio de acá para alá
e…
o cachiño de papel de me soar, acábase





Raquel Pazos GarridoSafe Creative #1104259056340

Vigo, 25 de abril 2011




17 de abril de 2011



DEVASTACIÓN  INFAME





camiño longo
devastación infame
poder e gloria






entre a follaxe
reverdece oculto
o desamor






 
home arrogante
de mirarte ao espello
non tes valor



 Lagares - Vigo

  Raquel Pazos Garrido Safe Creative #1104178997052   
Vigo, 17 Abril 2011