Segundo o diccionario da Real Academia Galega, a palabra VIDA, ten unha ducia de acepcións, malia hoxe quero afondar naquela definición que fai relación ao conxunto dos acontecementos máis importantes que lle suceden a unha persoa no curso da súa existencia.
Curiosamente, eses acontecementos que salientamos ao longo da nosa vida, forman a miúdo unha listaxe de datas: nacemento, comunión, casamento, para algúns (xa entradiños en anos), esas tan rememoradas da desafortunada“ mili ” e un longo etc; que a fin de contas forman o noso pasado insubstancial, nada que ver, poño por caso por común, coa emoción dun primeiro amor, a impresión abraiante dun atardecer, o que van deixando en nós o pouso das pequenas cousas do día a día.
Hai quen afirma que a cada libro que lemos, vivimos unha vida máis, ensanchamos a nosa imaxinación, adquirimos coñecemento do mundo, acadamos experiencias, sensacións, sentimentos, que encamiñan o xeito de vivir e afrontar a nosa existencia.
Teño por costume ao ler, tomar notas daquilo que especialmente me interesa do libro, en follas soltas, que deixo no seu interior; anotacións escritas no primeiro anaco de papel que teña a man, aínda que sexa de propaganda.
Hoxe pescudando polo andel, nun libro que lin no ano 2000, topei amais das anotacións, a corrección da corrección da corrección, do que podería ser un poema e ¡algo inusual! unha fotocopia do que daquela eran, a palma das mans dos meus fillos.
Ao cabo, sen querer, imos configurando a vida, entre o coñecemento e a nosa achega, entre o pouso máis a pegada.
Raquel Pazos Garrido