22 de março de 2011

PARA NÓS, FOI DADO O SILENCIO


Desde o ano 2000, Marzo é o mes da poesía. Día 21, florece coa primavera por todo o mundo.

Nesta sociedade na que cada día ten seu santo, hai un tempo para todo,  e as grandes superficies son quen de lanzar  25 días  de  ofertas  inigualabeis, plans renove,  e un longo etc;  a poesía non debe quedar atrás.

A celebración do  Día Mundial da Poesía, non ten para nada que ver coa delimitación da lectura  e publicacións  nun tempo determinado, pero si que debera  cumprir, como calquera outra celebración,  coa campaña de animación á lectura, á publicación de  edicións especiais, o espallamento da nova creación por toda a xeografía do noso país, a poesía dita, a poesía na boca de todos, ao alcance de todos.

É por iso que  valoro a laboura do Fnac que chegou a mín na visita ao país veciño, da man de Andreia Macedo. Só a actriz, os poemas e o público, escaso sempre, e interesante, ás veces “casual”.

Alguén entrou  mercar, ver, curiosear, comparar….  alguén tras dalgunha moza bonita, tras  dun neno algareiro que bota a andar sen rumbo e, ese  cúmulo de algúens, de xeito inesperado, circunstancialmente,  e por casualidade,  se detiveron,  demoraron nos versos,  a lanza chegou ao centro mesmo da diana,  así a palabra.

PARA NÓS, señores responsables da cultura galega, políticos, editores, medios de comunicación… 

PARA NÓS,  FOI DADO O SILENCIO. 


10 de março de 2011

Podemos mudar o mundo xuntas, todas xuntas agora!




"Fue sin querer, es caprichoso el azar", ía eu escoitando momentos antes de aterrar en Londres.
E así foi.

Topei coa marcha que celebraba 100 anos do "Día Internacional da Muller", no mesmo centro, Oxford Street, o sábado día 5 de Marzo.

A sorpresa e a emoción, pero por riba de todo, a miña solidariedade coa causa, deron ao trasto coa misión de fotógrafa-reporteira que acostumo asumir nas viaxes.

Por suposto, na pequena gravación que fixen, o mellor é o que non sae, a bandeira da patria que levo moi dentro ondeou a pleno pulmón, co puño en alza, we can change the world TOGETHER!

ALL TOGETHER NOW!