28 de fevereiro de 2011

O pouso máis a pegada




Segundo o diccionario da Real Academia Galega, a palabra VIDA,  ten unha ducia de acepcións, malia hoxe quero afondar naquela definición que fai relación ao conxunto dos acontecementos máis importantes que lle suceden a unha persoa no curso da súa existencia.

Curiosamente, eses acontecementos que salientamos ao longo da nosa vida, forman a  miúdo unha listaxe de datas: nacemento, comunión, casamento,  para algúns (xa entradiños en anos),  esas tan rememoradas  da desafortunada“ mili ”  e un longo etc; que a fin de contas forman o noso pasado insubstancial, nada que ver, poño por caso  por común, coa emoción dun primeiro amor, a impresión abraiante dun atardecer, o que van deixando en nós  o pouso das pequenas cousas do día a día.

Hai quen afirma que a cada libro que lemos, vivimos  unha vida máis, ensanchamos a nosa imaxinación, adquirimos coñecemento do mundo, acadamos experiencias, sensacións, sentimentos, que encamiñan o xeito de vivir e afrontar a nosa existencia. 

Teño por costume  ao ler, tomar notas daquilo que especialmente me interesa do libro, en follas soltas, que deixo no seu interior; anotacións escritas no primeiro anaco de papel que teña a man, aínda que sexa  de propaganda. 

Hoxe pescudando polo andel,  nun libro que lin no ano 2000, topei amais das anotacións, a corrección da corrección da corrección,  do que podería ser un  poema e ¡algo inusual! unha fotocopia do que daquela eran, a palma das mans dos meus fillos.

Ao cabo, sen querer,  imos  configurando a  vida, entre o coñecemento e a nosa achega, entre o pouso máis a pegada. 





Raquel Pazos Garrido

19 de fevereiro de 2011

Insubmisión




Ás veces quero
escribir, e fáltanme palabras
igualiño que cando abro o armario
e non atopo a roupa que me quero poñer hoxe
iso pasa, ás veces
entón, fago malabares
retomo das follas do diario
palabras recortadas para me vestir,
tanto me ten.



                                                                                                              Raquel Pazos Garrido
                                                                                                       Vigo, a 18 de Febreiro de 2011Safe Creative #1102188529652






14 de fevereiro de 2011

Cousiñas da terra



Elas preséntanse soíñas e o fan moi ben.
Abofé que comparto Terra e  Sacho.



"Esta é umha terra de artistas, umha terra de labregas.
A leira é arte. O sacho, umha arma carregada de futuro.
Temos muito por sachar. Nós já estamos decididas.
Somos mulheres nascidas para sachar, para fazermos música do país!!!
Chegou a hora...
...homes e mulheres,
repolos e grelos,
APANHAI O SACHOOOOO!!!"





"Que terá o licor café,
                                         que cada vez,                                        
estás mais tempo metido
na minha cabeça,
que muito me pesa,
de tanto buscar-te,
que já me tens negra
como o licor café..."



 



 




8 de fevereiro de 2011

De portas para dentro



Coexiste entre graffitis

Valado,
 
ao pé do poste da luz

ao  abeiro da pedra
pel, lle medra a carriza

¡Por Deus, que entre o aire!
Ventila, ventila…




Convive entre fendas

Íntimo, 

ao pé de cada latexo

refuxio das costelas
carraxe, setenta veces por minuto

¡Meu Deus, que nunca canse!
Bombea, bombea…




Velaí o xeito, 

habédesme dar a razón

de portas para dentro

canastro, corazón


Todos somos iguais.





Raquel Pazos Garrido
En Vigo, a 7 de Febreiro de 2011Safe Creative #1102078450943