26 de outubro de 2012

SEN RETORNO



"CAMIÑO Á SABEDORÍA"
Leonid Afremov
óleo


SEN RETORNO
a todas as mulleres
 que buscan a VIDA


Es azul de metileno, muller de napa
unha sombra proxectada na delongada viaxe.

-Todo o que ti fagas, está ben, meu amor
O xeito que tes de estender a roupa limpa
consecuente e comedido
Eu son camiño incerto
Ti apagas as luces todas
mentres eu supero os charcos
sen rumbo fixo
e acho formas prodixiosas no chan
onde pousar,  aínda que sexa coas punteiras.

-Todo o que ti fagas está ben, meu amor
Cando pechas con chave a porta
Eu tiro as mans fóra
entre as reixas da xanela
busco a luz, levanto pontes
cun pé en cada rocha.

E penso na muller de pel de napa
nos sucos do azul de metileno da infancia
en apurar o charco,  en abrir todas as portas

e que na prodixiosa forma dunha fonda cicatriz
ocúltase  proxectada a sombra desta viaxe
sen retorno.


Raquel Pazos Garrido
Vigo, 26 de outubro de 2012
Licencia de Creative Commons

9 de outubro de 2012

SOÑEI



O pasado sábado 6 de outubro foi a presentación do TRISQUEL ART no café El Golem, en Vigo onde aínda permanece a exposición fotográfica dos compañeiros Rosa Martínez, Jose Goris e Cruz Martínez que tiveron a ben convidarme para os acompañar e participar no recital poético aberto no que puxen voz a algún dos poemas de Aria para dúas voces, entre eles,


Soñei



Hoxe soñei que te encontraba
contigo falei por fin, o tempo pasa
charlamos de detalles do pasado
ti mirábasme
rimos un pouco das cousas
as túas mans nas miñas
eu soñaba
percorrer o teu corpo novamente
-o sitio aquel-  acórdaste?
onde farías perdurables as túas ideas
aínda está baleiro, non hai nada alí
aínda podes…
levantarme os muros suavemente cos teus labios
limparme as feridas, derrubar os imposibles
aínda podes
espertarme cun beixo.

Raquel Pazos