25 de dezembro de 2013

DESEXO 2014


"El mundo en tus manos"
REMEDIOS LABELLA
óleo

DESEXO 2014

Ándote buscando
e non me faltan moedas
para calquera medio de transporte.
Sóbranme as ganas.
O caso é alcanzarte,
botarche o brazo.
Que paren as guerras
Que non haxa fame…
que ti me queiras.

Raquel Pazos
25 decembro 2013
Licencia de Creative Commons

8 de dezembro de 2013

CANDO CHE DIGAN QUE ESTÁS DISTINTA

  
GUENNADI ULIBIN
óleo


Cando che digan que estás distinta,
pareces outra, un cambio impresionante,
que estás moito máis nova!

Ti sorrí, eles non saben…
que decidiches marchar, que xa non estás
que a quen agora ven en ti é a outra
e non a aquela que coñecen
que os teus ollos cando os miran
recordan só o túnel escuro
polo que decidiches saír.

Ti sorrí, e non lles digas… non fará falta
Que agora es feliz
como unha cuncha núa batida polo mar
que á fin chegou á beira, e na area
descansa o seu corpo agora brillante,
puído polos golpes
ao cálido sol e un ceo azul  


6 decembro 2013
Licencia de Creative Commons

1 de dezembro de 2013

POEMA PARA DOUS


“Danza nel fuoco”
GABRIELA BERNALES



POEMA PARA DOUS


Nunha noite clara heite de buscar
O teu abrazo será o meu templo sagrado
Ocupas todo espazo posíbel no ar
A dimensión perenne das caléndulas
E na pupila, a eclosión de vibracións
indescifrábeis


Heite de murmurar ao oído
Aqueles doces sons da madrugada
Cando o sol iluminaba o mar
E as caricias facíannos levitar

PB RP
30 novembro 2013
Licencia de Creative Commons

24 de novembro de 2013

INTENSIDADE



INTENSIDADE

Vou subindo en solitario
Unha escaleira con paso certo
pero inquedo
é tan curto o camiño
Arriba estás ti!

Dáme igual que os chanzos
sexan estreitos
que non alcance o pé
que estea escuro é o mesmo
Arriba estás ti!

Impúlsame unha multitude
de sentimentos atados
Un globo aerostático tira de min
o tempo faise eterno
Arriba estás ti!

e vou ao teu encontro!


Licencia de Creative Commons
23 novembro 2013

10 de novembro de 2013

CON SABOR DE OUTONO




Magosto, Círculo Poético
09 novembro 2013


CON SABOR DE OUTONO


Refogamos o froito maduro
á calor da amizade
nunha estadía íntima e desorbitada
na que todos os líquidos
tenden a desaparecer, como pasan os soños,
cunha fenda na pel, vaporizados
con sabor de outono.



Licencia de Creative Commons

Raquel Pazos

6 de novembro de 2013



"Amor imposible"
GISELA VERDESSI


É un  baleiro
Un oco grande
Unha ferida que non cura
Un segredo inconfesable
Unha verdade disfrazada
Un camiño intransitable
Un avión que non despega
Unha lúa contida e impermeable
Un imán que non che ceiba
Unha palabra que queima
É un desexo insoportable

Son unhas ganas tolas
Esta necesidade de ti
que me alimenta e me destrúe


Licencia de Creative Commons
6 novembro 2013

3 de novembro de 2013

ENTRE AS SABAS




ENTRE  AS  SABAS

Nunca choveu que non escampara
E na cabeza,  entre as sabas,  sucede
un continuo devir
de frechas de cores que se rozan,
van paralelas e interseccionan
en opostas direccións,
algunhas queiman como o lume,
absolutamente todas brillan con fulgor
e fan o ruído excitante
das motoserras a todo gas
Hai algunha atrevida
que aínda ousa falar de amor,
outras foxen espavorecidas a ningún lugar
e algunha, perdida, leva ás costas
o peso atroz que supón unha ilusión

A pesar de tanta axitación
non pensedes, eu
ben o sei, non estou tola
é só, que nalgunhas noites de paixón,
me chove no tellado.



Licencia de Creative Commons

25 de outubro de 2013

ABRÁZAME



“El abrazo”
ANDREA HUICI

a quen ben quero


Abrázame
Abrázame
Son un paxariño coas ás rotas
e levo no peito
unha verdade encollida
que arde en silencio
o único que importa
ela é, unha nena que treme con medo
na esquina do cuarto
agochada
espera os teus brazos
que a veñan salvar



Licencia de Creative Commons
Raquel Pazos
Vigo, 25 outubro 2013

17 de outubro de 2013

DESEXO


Karol Bac

DESEXO

Suplíchesme
por unhas cantas palabras lindas
pola lira de Orfeo

Sopráchesme
como a un pelo caído
na folla dun libro,
que sempre estorba

mais ti non te poñas triste
ben sei que a vida sucede
soamente unha vez

serei benvida no balde dos despoxos
rota na derrota
mais non importa

que sexas feliz

Raquel Pazos
17 outubro 2013
Licencia de Creative Commons

Preme ligazón:

9 de outubro de 2013

NUNCA FOI FÁCIL





NUNCA FOI FÁCIL


Cando todo pase
a marfallada deixe de ser
un caos incomprensíbel
os zapatos estean colocados
un após do outro
os panos brancos limpos
convencionalmente organizada
pois algún día isto ha de suceder!

Mirareite, e ti
nin ollarás para min
amar así nunca foi fácil
porque a orde e a razón
son zapatos de distinto pé
e un mesmo número
e o amor é o fugaz desequilibrio
esa pedra preciosa no camiño
na que ouso tropezar
descalza


Licencia de Creative Commons
Raquel Pazos
09 de Outubro de 2013

12 de setembro de 2013

tal Penélope



"Penélope tecendo"
Mnemosina



Non sei se saberei amarte tanto
como soñei facelo
Non sei se en realidade as miñas mans
saberán levarte á éxtase
da mesma forma que cando che penso

Non son para sempre,
A performance é un misterio
e as mans gardan con receo
a máxica tea
que teces de día con paixón
e de noite con astucia, tal Penélope,
desteces.

Raquel Pazos
Licencia de Creative Commons


Despois de vinte anos de ausencia Ulises arribou á fin a Ítaca, onde ninguén o recoñeceu. Entrementres, crendo viúva á fermosa Penélope, acudiran infinidade de pretendentes que a ostigaban a que elixise entre eles un marido, e volvese casar.
Penélope, que non perdía as esperanzas de volver ver ao seu querido Ulises, respondíalles que non contraería segundas nupcias ata concluír de bordar unha tea que destinara para mortalla do seu sogro Laertes. Bordaba de día, e de noite desbarataba o que fixera, para que non se concluíse a súa obra, polo cal se di do que se empeza e non se remata, a pesar de traballar niso, que é «a tea de Penélope»

A Mitoloxía contada aos nenos e historia dos grandes homes da Grecia


Fernán Caballero


30 de agosto de 2013

AS PALABRAS FOXEN DE MIN



HENRI MATISSE
" A danza" 



AS PALABRAS FOXEN DE MIN por un campo verde
corren e ollan para atrás
por ver se aínda as persigo
elas non queren saber de compromisos,
de que lles faga dicir máis
que son verdade,
que son verdade,
que son verdade,
como unha ladaíña
nin queren saber
de follas e libros, de caixóns,
encadeadas unha detrás da outra,
de roteiros sen fin.

Eu comprendo e vixío,
ás veces fanme parte do seu xogo
levo palabras prendidas no pelo
e comparto con elas algún soño perdido
de cando en vez, teñen o bo tino
de arremuiñarse e enlazarse
como só elas saben
e ao chou forman estes versos
que escribo.


Licencia Creative Commons

Raquel Pazos
Vigo, 30 de Agosto de 2013

13 de agosto de 2013

A MIÑA DOPAMINA



O estertor doce dos peixes
no vórtice do mar
O son único dunha man a bater implacábel
no translúcido cristal
A voz dos poderosos
A broza no camiño,
no camiño sempre

Nada é comparábel,
meu amor
Desobediencia é
a miña dopamina

Licencia de Creative Commons
Raquel Pazos
Vigo, 13 de agosto 2013
Festivaliño e a Poesía do Condado







24 de julho de 2013

PUIDERA SER






PUIDERA SER


Será que non,
non acado o nivel de consistencia
que son cloroformo diluído entre algodóns
nalgún lugar impreciso que non importa
e non na punta do nariz
Será que non
figuro no teu mapa
puidera ser que as coordenadas
perdesen o sentido e para sempre
será que as miñas dedas
non deixan pegada
que non teño as mans lindas
sinxelamente será
que non me amas
será que non existo


Raquel Pazos
Vigo. 24 de Xullo de 2013
Licencia de Creative Commons 

15 de julho de 2013

Semente de dignidade


Grazas @s colegas do face, por lembrarme, mediante a publicación desta foto, do poema que aos 16 anos  escribín a Rosalía, e que logo nunha visita estudantil, foi parar daquela a unha das moitas vitrinas da casa-museo de Padrón. Xa choveu!






A Rosalía

Non convén chorar máis.
Ela chorou por todos e para sempre

LUIS PIMENTEL


E pois que cada tempo ten seu tempo,
iste é o tempo de chorar

CELSO E. FERREIRO


Chove sobor das rosas *, Rosalía
sobor das Follas Novas, e das vellas.
Corre o vento, o río pasa *, e ti semellas
escamallo de sombras, Rosalía.

Que do teu cansado esprito *, saía
un berce de penas, como vedellas
se enrolan, ti silandeira, vencellas
o fato das nosas penas, Rosalía.

E do máis profundo da terra, chegan
berros que chaman, laios que creban, canto
de negras sombras, que a todo se achegan.

Por ti, que fuche poeta, recanto
das nosas verbas, e as verbas se apegan
Hei de chorar sin bágoas duro pranto*

Raquel Pazos
1984


*1.- Último verso do poema de L.Pimentel, adicado a Rosalía.

Sin corpo, sin traxe, sin bruído,
coroa de sombras, música de pianos enloitados…
Chove sobor das rosas e da escalinata do pazo

*2.- Título dun poema de Rosalía.

*3.- Versos pertencentes a Vaguedás.

que o eu corpo de terra
i o meu cansado esprito,
adondequer que eu vaia
van comigo.

*4.- Primeiro verso de Tempo de chorar, pertencente a Longa noite de pedra, de Celso Emilio.

Hei de chorar sin bágoas duro pranto
polas pombas de luz aferrolladas,
polo esprito vencido baixo  noite
da libertá prostituida.


16 de junho de 2013

MEMORIA DUNHA INSTANTÁNEA





MEMORIA DUNHA INSTANTÁNEA


Con broca do sete tradeas en min
eu porque non saibas
evito a mirada e a duras penas
resisto no envite
con palabras finas e doces
como fíos de seda
vou tecendo a man
a flor multiforme dos días
que prendes en min
Cando ti te achegas
os muros todos vibran
e ti que coñeces o estrondo que causan
xa me sabes rendida
entón pídesme lume
e sutilmente sostés a miña man
e acaríciasme


Raquel Pazos
  16 xuño de 2013
Licencia de Creative Commons

4 de junho de 2013

Moito que rascar






Moito que rascar


Ás veces, erguemos o puño
e non nos entenden
outras,
batemos conscientes coa testa na rocha
e fai CRAC!
pero levantámonos tan ricamente
orgullosos da nosa fazaña. 

SEMPRE paga a pena
que a rebeldía sempre
nos bique na boca.

Moitas veces,
(máis do desexado)
somos simplemente unha urticaria

Mais que se fodan!
(con perdón)

Raquel Pazos
1 Xuño 2013
Licencia de Creative Commons