28 de abril de 2013

UN PASO ADIANTE



"Con el alma al aire"
ALEXIS GARCÍA
óleo



UN PASO ADIANTE



Somos corpos de materia tanxíbel
queiramos ou non
ocupamos un espazo no aire
e isto, tédeo en conta, non é decisión nosa
Afastamos por defecto
con cada movemento
moléculas en suspensión que nos rodean
e así é, como mantemos distancias


Somos corpos de materia tanxíbel
e tendencias algo maniáticas
mentres ti arrombas cada anoitecer
os panos brancos
eu aliso a cada paso
os flocos das alfombras
e  o que realmente somos
fica no aire en suspensión como as pompas


A nosa distancia corporal
está tamén proporcionalmente calculada
de tal xeito, que se ti deses un paso adiante
a indecisión nestes casos sería imperdoábel
eu, só podería facer dúas cousas
retroceder, dando exactamente,  ese mesmo paso cara atrás
ou decididamente, vencer distancias
e abrazarme a ti



Raquel Pazos
Vigo, 23 de abril de 2013
Licencia de Creative Commons


24 de abril de 2013

25 DE ABRIL SEMPRE !






25  DE  ABRIL  SEMPRE !


Non somos de pan reseso
que somos de millo seco
fornada de segunda xeración
do globalismo, da submisión
fillos da vitoria concertada
Maínzo da revoltiza,
quen che apañou que che malla!
de gran seco como a palla
mais húmidos de corazón
flocos de millo a carón
da causa máis inxuriada

Raquel Pazos
Vigo, 19 de abril de 2013
Licencia de Creative Commons


2 de abril de 2013

RIBEIRÁ



"Principio y Fin"
JORGE LUNA
óleo



Ribeirá


Filla da luz
sete semanas e media
e nos labios tristemente
un non me importa nada…
Non te puiden querer máis
a palabra por veces ten ese don analxésico
de fechar a ferida e facermos máis fortes
sangue do meu sangue
que baixa polas canles
desprendéndome arde
meu corazón na túa ribeira
as quenllas todas levan a un mesmo mar
principio e fin
Non haberá para o que quede de min
outro destino.


Raquel Pazos
Abril, 2013
Licencia de Creative Commons