31 de maio de 2013



PALABRAS

para Antonio e familia,
coa vosa mesma ilusión




Unha gaivota algareira
herba seca peteiraba
na mañanciña de maio
moi afanosa apiñaba




Gaivota de pluma nova
levas no bico a esperanza
reloce no teu corazón
con finas febras douradas




Con fíos de arume e palla
teces o niño a fervor
gaivota namorada levas
no bico palabras de amor, palabras


Raquel Pazos
Vigo, 31 de maio
Licencia de Creative Commons



24 de maio de 2013

O que non quero ser



GABRIELA AMORÓS SELLER
lapis sobre papel



O que non quero ser


Estou a converterme nunha tipa moi seria
e solitaria
Unha gata na noite
o que non quero ser
A pel encrespada rodeando as pernas
prodúceme estupor
Un ego maltratado e malnacido
sixiloso
a relamberse
e relamberse

Raquel Pazos
Vigo, 24 de Maio do 2013
Licencia de Creative Commons

11 de maio de 2013

MULLER FATAL


Imaxe retomada das redes sociais




MULLER FATAL
por todas nós


Non sabes como sucedeu
todo foi casual
esas ganas, de súpeto
de comer cacahuetes…!
Non obedecías razóns
e sen saber como
deches un paso crucial na túa vida.
Non estou a falar de min,
polo menos non de min exclusivamente.
Sinxelamente
déronse as circunstancias
sentiches ser
a muller fatal da canción
e armácheste de valor
subiches á ola no momento preciso

A verdade é que agora,
todo segue a ser igual

Todo segue a ser igual,
pero distinto.

Raquel Pazos
Vigo, 11 maio 2013
Licencia de Creative Commons