24 de julho de 2013

PUIDERA SER






PUIDERA SER


Será que non,
non acado o nivel de consistencia
que son cloroformo diluído entre algodóns
nalgún lugar impreciso que non importa
e non na punta do nariz
Será que non
figuro no teu mapa
puidera ser que as coordenadas
perdesen o sentido e para sempre
será que as miñas dedas
non deixan pegada
que non teño as mans lindas
sinxelamente será
que non me amas
será que non existo


Raquel Pazos
Vigo. 24 de Xullo de 2013
Licencia de Creative Commons 

15 de julho de 2013

Semente de dignidade


Grazas @s colegas do face, por lembrarme, mediante a publicación desta foto, do poema que aos 16 anos  escribín a Rosalía, e que logo nunha visita estudantil, foi parar daquela a unha das moitas vitrinas da casa-museo de Padrón. Xa choveu!






A Rosalía

Non convén chorar máis.
Ela chorou por todos e para sempre

LUIS PIMENTEL


E pois que cada tempo ten seu tempo,
iste é o tempo de chorar

CELSO E. FERREIRO


Chove sobor das rosas *, Rosalía
sobor das Follas Novas, e das vellas.
Corre o vento, o río pasa *, e ti semellas
escamallo de sombras, Rosalía.

Que do teu cansado esprito *, saía
un berce de penas, como vedellas
se enrolan, ti silandeira, vencellas
o fato das nosas penas, Rosalía.

E do máis profundo da terra, chegan
berros que chaman, laios que creban, canto
de negras sombras, que a todo se achegan.

Por ti, que fuche poeta, recanto
das nosas verbas, e as verbas se apegan
Hei de chorar sin bágoas duro pranto*

Raquel Pazos
1984


*1.- Último verso do poema de L.Pimentel, adicado a Rosalía.

Sin corpo, sin traxe, sin bruído,
coroa de sombras, música de pianos enloitados…
Chove sobor das rosas e da escalinata do pazo

*2.- Título dun poema de Rosalía.

*3.- Versos pertencentes a Vaguedás.

que o eu corpo de terra
i o meu cansado esprito,
adondequer que eu vaia
van comigo.

*4.- Primeiro verso de Tempo de chorar, pertencente a Longa noite de pedra, de Celso Emilio.

Hei de chorar sin bágoas duro pranto
polas pombas de luz aferrolladas,
polo esprito vencido baixo  noite
da libertá prostituida.