7 de dezembro de 2014

NO PAÍS DAS MATEMÁTICAS





NO  PAÍS  DAS  MATEMÁTICAS


Despexar o X da ecuación,
aventura de vivir.

Oculto latexa
sempre a un mesmo lado
o aguerrido corazón
que busca imperturbábel
a máxica proporción,
-aventura de vivir-

Sabendo que únicamente así,
Descubrirá o valor da incógnita.

Licencia de Creative Commons


2 de dezembro de 2014

O COMIDO POLO SERVIDO



"O OLIMPO"


O COMIDO  POLO  SERVIDO


Algunha vez fuches miña
percorrín as túas abas brancas,
os outeiros escarpados
e biquei o cumio sen intimidación


Recoñezo o olor da nai terra
distingo e invádeme a súa presenza
rastrexo as pegadas coa prestancia do bo cazador
e aínda así, algunha vez, fun perdiz* ao sol.

Vigo, 2 decembro
Licencia de Creative Commons
*De acordo á Lenda Grega, a primeira perdiz apareceu cando Dédalo botou ao seu sobriño Perdix dende un monte, nun arrebato de ira.

As habilidades de Perdix, provocaron os celos de Dédalo, quen rematou empurrándoo dende o alto do templo de Atenea no Acrópole, pero a deusa, que favorece ao enxeño, viuno caer e cambiou o seu destino transformándoo nunha ave bautizada co seu nome: A Perdiz.

23 de novembro de 2014

MAL ASUNTO





MAL  ASUNTO

A tod@s @s egoístas e interesad@s
 c@s que me levo topado

Cando impera o egoísmo
Sucede a ruína, a descoloración
o interese propio invade a retina
e a maldade tan abstracta ela
é unha mancha de viño tinto
derramado nos zapatos que non sae
por máis que a fregues.

Sucede a traizón
perdes cobertura e nin te ves
e alguén deixa pasar o tempo
e demora de máis,
o pouso do café
por ver se cambias.

Sucede que non che importa
que se instale a indiferenza
e vive acomodada no sofá
tan ancha
como estreitas son as canles
que levan ao insensíbel corazón…

Cando o egoísmo impera
Sucede que mentes máis que amas.


Vigo, 22 novembro 2014
Licencia de Creative Commons

31 de outubro de 2014

PÉRDOME EN TI





Pérdome en ti
E sinto que bótome a andar polo sagrado
Son quen de desfacerme
E reinventarme
Por ti
Son vagalume ao sol
Sen espaventos
Con ser atea,
O teu amor será o meu cáliz


Raquel Pazos
Vigo, 31 outubro
Licencia de Creative Commons

22 de outubro de 2014

BLOGUEIRAS, de lectoras, escritoras e blogs



No día de onte, Marta Dacosta, Vanesa Santiago e eu mesma, participamos nunha mesa redonda, organizada polo Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo na que contamos a nosa experiencia como lectoras, escritoras e críticas e achegamos a nosa visión sobre este novo modelo de expresión e comunicación.

Meu agradecemento ao Centro de Documentación por brindarme esta oportunidade de facer máis visíbel e polo recoñecemento que isto supón para auga nos labios, ás compañeiras de mesa, boas faladoiras, e por suposto ao público asistente que se prestou a amenizar a xornada coa súa participación.






26 de setembro de 2014

E CON TODO





E CON TODO


Aínda que esvaia con témperas
a toda cor, as crebas da tempestade
e chante nos días
máis de mil sorrisos
pola claridade que expanden os teus ollos

Aínda que vista con luvas de néboa as mans
que ansían…
e acepte vilmente
que a memoria me engane

Aínda que tire da sedela como unha rincha
a piques de fenecer
ávida de fame, con toda a miña forza
e suba á superficie contra toda tempestade
mil veces enganchada a este cálido anzol
totalmente desgarrador,
disque os peixes teñen escasa memoria

Aínda así, e con todo, son feliz


Cangas do Morrazo, 26 setembro
Licencia de Creative Commons

18 de setembro de 2014

PLANICIE



"Planicie"
GEORGES BRAQUE



Pon todas as distancias xuntas,
unha detrás da outra
Así a desesperación será maior,
inmensa, irredutíbel.
Así o lóxico sería non te botar de menos
non estrañar a túa alegría perenne
O mundo sería entón unha enorme extensión,
uniforme, monótona, a terra chá,
unha clara e absoluta planicie
onde sería impensábel
que unha folla, tan só unha única folla
batese contra o cristal



Raquel Pazos
Cangas do Morrazo, 17 setembro
Licencia de Creative Commons

14 de setembro de 2014

ANIVERSARIO




JOSÉ GORIS CUINHA -Imaxe

ANIVERSARIO
a José Goris

No día de onte celebramos o 50 aniversario
Enarboramos noites de pracer imaxinarias
queimamos as bandeiras
daquela patria imposta
a simboloxía foi causa de escarnio e maldicir
por un comezo máis afortunado
na segunda metade da vida
partimos o pan e partillamos o viño
sentímonos deuses e raíñas, donas de seu,
e así imos mantermos en pé
na estadía do noso soño sulagado
que arrebatador flúe polas veas
e nin unha gota, nin unha soa gota
deixaremos perder
por máis que manque e pese sobre nós
a eminente crucifixión.

Raquel Pazos
12 setembro 2014
Cangas do Morrazo
Licencia de Creative Commons
  

10 de setembro de 2014

MEMORIA


"Hombre con cabeza llena de nubes"
SALVADOR DALÍ

MEMORIA

Elévasme
por un universo azul
Elévasme
a un tempo indefinido
Elévasme
maxicamente
Dásme ás
Perséguesme
coa querenza dunha puta triste
á que alguén un día deu
un pouco de amor


Raquel Pazos
Cangas do Morrazo, setembro
Licencia de Creative Commons

5 de setembro de 2014

MAR CALADO





No silencio
enredada nas silveiras
meto o dedo na ferida
e a dor baixo dunha pedra
no fondo do mar



Cangas do Morrazo, 4 setembro 2014
Licencia de Creative Commons

30 de agosto de 2014

COMEZO E FIN DE TEMPORADA




COMEZO E FIN DE TEMPORADA

Adeus dixen á illa
á grata sorpresa
das súas pendentes escarpadas
á profundidade máis íntima
que me acolleu, crepitante
suave e salvaxe a un tempo.
Adeus dixen á illa,
á que me desgarrou a punta de navalla
á que sempre hei de volver
calor, calor, calor e doce
plátano frito quente, veludo azul
na memoria, e pube
que me eleva á cordilleira
fronteira desexada
na que a vontade esvaro,
illa que me cerca.


Cangas do Morrazo, agosto 2014
Licencia de Creative Commons

28 de agosto de 2014

HISTORIA DE AMOR




HISTORIA DE AMOR

Vigo, un total de case
trescentos mil habitantes
segundo as últimas estatísticas.
O amor é unha gota de aceite
nun vaso de auga.
Escasa, moi escasa a posibilidade
de podermos coincidir.
As luces da cidade reflicten
as teclas consagradas
dun piano sobre o mar
nelas entretéñome
son puro espellismo,
pompa de xabón.
Serache doado esquecer
que existo.
O ronsel que deixas, logo de amarte
dáme para vivir
mantenme a flote
Happy day for you
os meus mellores desexos
que sexas feliz, mon amour

Cangas, agosto 2014
Licencia de Creative Commons


20 de julho de 2014





Domíname
con máxima cobertura
Refaime
Tiras de min coma un guindastre
Elévasme por tan altas guías…
mais eu levo control
Despréndome
a pel da casca, cuestión de madurez
Gardas o olor do combustíbel
logo dun arranque forzado, e iso,
É iso
polo que gusto tanto de ti

Licencia de Creative Commons

28 de junho de 2014

VOLTA CICLISTA




VOLTA  CICLISTA

Quen non artellou
monecas desarticuladas
un brazo ou a perna fóra de lugar
e veña a darlle voltas,
quen non desmontou as rodas
ata chegar ao motor
por ver se os mecanismos
realmente funcionan
virar as costas á pantalla
ou mesmo rascar o nariz
no momento crucial da peli
porque non saibas que choro
A pel resgada
Vestixios de amor
A vida son etapas
Volta ciclista
cando caes, érgueste
o demais que perdura
e tatúa o corpo
son cicatrices

Licencia de Creative Commons

25 de junho de 2014

E FUN



E FUN

Eu fun amante
eu fun poeta
fun delirante
fun bolboreta
todo iso fun
e agora son memoria dun tempo
e fun efémera amor…

Decídeme
como deter un tempo que discorre
auténtico (quen todo deu), no verso
nunca escrito
(a quen xamais me quixo)

Licencia de Creative Commons

11 de junho de 2014

INVENTARIO




Non todos calamos igual
nin polo mesmo, todo conta
ás veces o silencio
é unha fibra de amianto
illante, incombustíbel e resistente
o chapapote nun océano inmenso
unha fenda profunda que doe
un último respecto
un pano branco ao sol
un grito na noite
unha chamada de atención
o amparo do indiferente
un ás debaixo da manga
é a gorida dos delincuentes
a arma letal dos intrépidos covardes
refuxio dos amores imposíbeis
porque o namorado canta
un muro de contención
unha mínima expresión
é unha casa grande pechada
para min, o silencio é todo canto vos dixen
canto vos levo dito, ollade
o silencio é todo menos calado.

Licencia de Creative Commons

1 de junho de 2014


"Buenos Aires"
JACQUELINE KLEIN TEXIER


Non quero desprenderme dos vellos pantalóns
por máis que me queden grandes
e nunca, nunca
quixera volver usalos
Nin das camisetas preferidas
que por aburrimento e desgaste
ocupan o fondo do armario
o pouso do corazón dá para todo

As paredes da casa manteñen
regueiros de pasadas humidades

E non quero  ser pegada na area que borre o mar
por máis que estea de moda
e indique liberación

Son presa de cada molécula que amo
e aínda así podes marchar
a casa non fica baleira sen ti

Por máis que foi usada
na maleta levas o olor das bólas de naftalina,
pequenas ilusións…

Para cando volvas, se volves
repararás na miña roupa máis estreita
e as paredes do cuarto
seguirán da mesma cor

Licencia de Creative Commons

30 de maio de 2014

A DIARIO



A diario

Entre as sabas sóñote
famélica, coa textura branda
e a masa a medio facer
dun pan quente

Síntote desde o comezo
abalándote o vento que acougo
serena na seara
a debullar
Licencia de Creative Commons

23 de maio de 2014

ABRENTE





ABRENTE

Traede os sachos, fouces e forquitas
se non tendes, vinde detrás
pisando a terra,
hai que achandar
se aínda nos quedan folgos
recolleremos as pedriñas para abeirar
e que as malas herbas non medren
neste camiño, que temos por construír

Raquel Pazos
Licencia de Creative Commons