23 de janeiro de 2014

BÍCAME, BÍCAME SEMPRE



"El beso"
ESTHER BÁRCENAS


BÍCAME, BÍCAME SEMPRE


Non foi previsto,
un movemento absurdo
todo a gran velocidade
vivir é un accidente brutal
un breve instante
non preguntes, non hai tempo
todo pasa tan rápido…
e o corazón,
a pequena animalia ferida entre os barrotes
tan insignificante!
Nos impactos máis fortes
hai sempre
un momento de consciencia
unha dor punzante
un algo que quizais nin sucedeu
aínda que non o recordes, bícame
que a nosa imaxe quede
varada nese instante
Bícame, bícame sempre
un bico fugaz
aínda que me mates

Raquel Pazos
23 xaneiro 2014
Licencia de Creative Commons

7 de janeiro de 2014

POR VERTE PASAR




Somos, ese instante de vagón
no que dous corpos se visualizan
a través do cristal
en vías opostas.

Levamos esa maxia nos ollos
de encontrarnos e perdernos
continuamente.
Somos, ese instante de luz.

Se o meu  vagón se detivese
agardaría pacientemente nese punto
toda a miña vida
POR VERTE PASAR


Raquel Pazos
07 xaneiro 2014
Licencia de Creative Commons


5 de janeiro de 2014

CONFESIÓN





CONFESIÓN


Eu creo na muller todopoderosa
que padece baixo a razón de tipos
coma Poncio Pilatos
precursora de ceo e terra

Creo na súa forza que procede
de todo o visíbel e invisíbel

Na que pola nosa culpa foi asasinada
e viviu sendo maltratada

Creo na que non cree
e fai camiño
na que a diario loita
porque o seu reino non terá fin

Eu creo neste tempo
máis que nunca, nas raíñas
que non traerán
descendentes non desexados
a este mundo…

por máis que nos doia


Raquel Pazos
05/01/2014
Licencia de Creative Commons