27 de abril de 2014

ESMIUZANDO A FLOR



O pasado 25 de abril, na libraría Cartabón, foi a presentación de A flor do cacto.
Quixen contaxiar ao público, deste virus apaixonadamente abrasador que para min é a poesía.

A poesía que non é un simulacro, nin unha figuración, que non é dos libros, nin é un fantasma.

A poesía que está na rúa, en cada xesto, na vosa propia voz e que medra imperceptibelmente como medra un cacto a carón de nós.
Coa poesía somos quen de dar resposta cando nos asaltan tantos por ques?, pois coa poesía sempre temos a man os porqués e os para ques, para contestar a todo aquilo e aqueles que nos oprimen e chámannos inadaptad@s, mais somos oprimid@s rebotado@s, porque a poesía ten o poder de facernos LIBRES.

Ben, fiquei plenamente abraiada polas mostras de cariño por parte de todas e todos os que acudiron a esta presentación, e por iso, dende este meu espazo de comunicación, quero dar as máis expresivas grazas: 
A José Goris, presentador,… por tanto!
A anxoBlas, delirante trobador que nos acompañou e axudoume a expandir o virus
A Ana Bernárdez, entusiasta cámara, coas  súas fotos acredítase o contaxio
A Maribel e Gonzalo, (Cartabón), incondicionais
E por suposto,  ao PÚBLICO asistente, que foi o MELLOR!

Raquel Pazos

16 de abril de 2014

PRESENTACIÓN




Queridos amig@s, con moita ilusión, convídovos á presentación do meu poemario  A flor do cacto, o 25 de abril ás 20.30 horas, na libraría Cartabón de Vigo.

É unha honra contar coa presenza inestimábel de José Goris como presentador e coa colaboración musical de anxoBlas que amenizará o acto con temas da súa propia autoría.

Espero que gocedes e pasedes un bo momento de lecer coa lectura que farei dos meus poemas e para aos que vos goste o meu traballo, tamén os poidades ler e sentir nas vosas propias mans.

Cunha cálida aperta,
Raquel Pazos


8 de abril de 2014

CONFABULACIÓN


Georgia O'Keeffe


CONFABULACIÓN

O teu cariz,
O meu centro
A física e a química en incesto
manteñen relación
Hormonas que baten no meu interior
Estoupan

O teu cariz,
O meu centro
A promesa fiel dun esperanto
universal, gota a gota
que nos salve
A lingua coma un credo

O teu cariz,
Adúlame
en posición occipital
descobre a fenda
abócame á confabulación
A lingua in extremis no meu centro.

Raquel Pazos
Licencia de Creative Commons