28 de junho de 2014

VOLTA CICLISTA




VOLTA  CICLISTA

Quen non artellou
monecas desarticuladas
un brazo ou a perna fóra de lugar
e veña a darlle voltas,
quen non desmontou as rodas
ata chegar ao motor
por ver se os mecanismos
realmente funcionan
virar as costas á pantalla
ou mesmo rascar o nariz
no momento crucial da peli
porque non saibas que choro
A pel resgada
Vestixios de amor
A vida son etapas
Volta ciclista
cando caes, érgueste
o demais que perdura
e tatúa o corpo
son cicatrices

Licencia de Creative Commons

25 de junho de 2014

E FUN



E FUN

Eu fun amante
eu fun poeta
fun delirante
fun bolboreta
todo iso fun
e agora son memoria dun tempo
e fun efémera amor…

Decídeme
como deter un tempo que discorre
auténtico (quen todo deu), no verso
nunca escrito
(a quen xamais me quixo)

Licencia de Creative Commons

11 de junho de 2014

INVENTARIO




Non todos calamos igual
nin polo mesmo, todo conta
ás veces o silencio
é unha fibra de amianto
illante, incombustíbel e resistente
o chapapote nun océano inmenso
unha fenda profunda que doe
un último respecto
un pano branco ao sol
un grito na noite
unha chamada de atención
o amparo do indiferente
un ás debaixo da manga
é a gorida dos delincuentes
a arma letal dos intrépidos covardes
refuxio dos amores imposíbeis
porque o namorado canta
un muro de contención
unha mínima expresión
é unha casa grande pechada
para min, o silencio é todo canto vos dixen
canto vos levo dito, ollade
o silencio é todo menos calado.

Licencia de Creative Commons

1 de junho de 2014


"Buenos Aires"
JACQUELINE KLEIN TEXIER


Non quero desprenderme dos vellos pantalóns
por máis que me queden grandes
e nunca, nunca
quixera volver usalos
Nin das camisetas preferidas
que por aburrimento e desgaste
ocupan o fondo do armario
o pouso do corazón dá para todo

As paredes da casa manteñen
regueiros de pasadas humidades

E non quero  ser pegada na area que borre o mar
por máis que estea de moda
e indique liberación

Son presa de cada molécula que amo
e aínda así podes marchar
a casa non fica baleira sen ti

Por máis que foi usada
na maleta levas o olor das bólas de naftalina,
pequenas ilusións…

Para cando volvas, se volves
repararás na miña roupa máis estreita
e as paredes do cuarto
seguirán da mesma cor

Licencia de Creative Commons