30 de maio de 2014

A DIARIO



A diario

Entre as sabas sóñote
famélica, coa textura branda
e a masa a medio facer
dun pan quente

Síntote desde o comezo
abalándote o vento que acougo
serena na seara
a debullar
Licencia de Creative Commons

23 de maio de 2014

ABRENTE





ABRENTE

Traede os sachos, fouces e forquitas
se non tendes, vinde detrás
pisando a terra,
hai que achandar
se aínda nos quedan folgos
recolleremos as pedriñas para abeirar
e que as malas herbas non medren
neste camiño, que temos por construír

Raquel Pazos
Licencia de Creative Commons

21 de maio de 2014

APENAS




APENAS


Apenas fui um galho de laranja
uma sorte de améndoa
um amendoim revestido
a adozar a tua viagem

Apenas fui uma constelação
sem noite de prazer
um chá quente no amanhecer
a abeirar a certeza

Apenas fui uma gota
no correr da tempestade
uma única gota
a humedecerche os lábios

Raquel Pazos
19 maio 2014
Licencia de Creative Commons



APENAS
Apenas fun un gallo de laranxa/unha sorte de améndoa/
un cacahuete revestido/a adozar a túa viaxe
Apenas fun unha constelación/sen noite de pracer/un té quente no amañecer/a abeirar a certeza
Apenas fun unha gota/no correr da tempestade/unha única gota/a humedecerche os labios


11 de maio de 2014

RETORNO




RETORNO
                    
A volta é sempre solitaria, é un misterio
non é unha decisión propia e meditada
simplemente é o que debes facer,
emprendes o camiño e véste
arrastrando certa culpabilidade nos pés
e apuras un paso firme que non delate
o pudor de quen precisa a soidade
e o seu soño de estrelas
coa présa do criminal que sabe
xa todo irreversíbel, e volves,
volves certamente cada día
coa lealdade dun can que regresa ao fogar
e aínda así, cres que es libre
pensas que es libre porque podes
retornar a Ítaca
cantas veces queiras.
Raquel Pazos

8 de maio de 2014

SUCEDE




¡No le toques ya más,
que así es la rosa!

Juan Ramón Jiménez 

SUCEDE


Sucede no silencio o desarme
a roupa máis íntima tirada polo chan
un terrón de azucre somerxido
diluíndose en cada anoitecer


Sucede que ás veces sucede
o inesperado


Sucede no silencio máis íntimo
o desarme voluntario
a caída do muro histórico
un feito insignificante
e pinto corazóns nas árbores

Raquel Pazos 
Licencia de Creative Commons

6 de maio de 2014

A FLOR DO CACTO, EN PORTO



O día 3 do presente, celebrouse a 2ª ronda de poesía no Ateneu Comercial do Porto, poemas de Abril e Maio.

Achegueime a este maxestoso espazo, moi ligado á historia da cidade, coa idea de gozar da creación e declamacións poéticas dos nosos benqueridos irmáns e fiquei sendo convidada a recitar eu mesma, algo da miña escrita, e así foi como A flor do cacto, chegou lá.


Meus parabéns a estes amigos por unha xornada magnifica na que a poesía tan vivamente fixo vibrar os corazóns de todas e todos os presentes con tanta ilusión, na voz de Fernando Capela Miguel, Isabel Ponce Leâo, Silvino Figueiredo, Braga da Cruz, Virgilio Liquito, Mário Vale de Lima, Henrique Dória e Julia Moura Lopes.

Dende aquí, co meu agradecemento, unha forte aperta.