19 de dezembro de 2015

A NOITE, LOBA ESCURA



A NOITE, LOBA ESCURA

A noite é unha loba escura de ollos brillantes
que pasa impactante e imparábel
e mentres ti, déixaste levar…
cos zapatos de fino tacón, os leggins axustados
e o sorriso Cheshire plastificado
fundíndose pinga a pinga,
ante o esplendor tan lúcido da mirada
e tráeche de volta a casa
cos zapatos na man, o vaso baleiro de cristal
e o xuramento nos labios de non volver xamais
a mirarlle aos ollos á loba tan escura que pasa
porque pasa o amor
como unha corrente de aire
frío
que che deixa dorida a garganta.

Licencia de Creative Commons  

30 de novembro de 2015

CONCIENCIA

"El interior y la conciencia"
MIGUEL ANGEL MONTAÑO MARTÍNEZ

CONCIENCIA

Serei a túa voz
cando xa non te atrevas a falar
o medo paralice as túas pestanas
e sexan as túas mans incapaces
de sacudir tanta insensatez
que se coou polos teus poros
indiferente
minguouche as entrañas,
roerá a túa pel, violará incontábeis veces
a túa intimidade
e trillará as poucas palabras
que che queden de consolo
alegando a máis cruel necesidade primaria
do voraz depredador que fuches,
que aínda es

Serei a túa voz
falarei por todos os que esqueceron o canto
Son o teu destino.

Licencia de Creative Commons

12 de outubro de 2015

Cando escribimos o pasado
facemos historia
A historia está escrita.

Cando me é dada a palabra,
teño a exasperante sensación
de que dalgún modo estraño,

DICIMOS FUTURO



4 de outubro de 2015

AMOR É...



AMOR É…


Vente acá, o meu amor
Non sexas pendejo!
Pégate a min coma se viñese un furacán
e xuntiños, sen soltarnos da man
arrástranos, cos dedos amarrados,
coma “Tú y Yo”
sempre


Amor é…
unha enfermidade
que require moita ca(L)ma.


Licencia de Creative Commons

22 de setembro de 2015

POMPEII


Miro nos rostros consternados
de Pompeii abrasada
a forza arrasadora do Vesubio
a traxedia inesperada
corre a mares de lava
polas vías de pedra que a atravesan
e renxen os carros
e oubean intensamente as lobas no lupanar
por dar pracer tamén nun último intento
antes da inhalación letal.

Oh! bela Pompeii desvastada
aínda así e todo conquistas
as túas ruínas gardan a esencia
de canto perdura
e síntome cativa
contigo comparto o que son, o que amo
e o diario da vida
escrito nos muros.

Raquel Pazos
Licencia de Creative Commons

14 de agosto de 2015

SEDE DO CAMIÑANTE


"El caminante sobre el mar de nubes"
CASPAR DAVID FRIEDRICH



SEDE DO CAMIÑANTE

Que buscas nas correntes exaltadas
en cada posta de sol, no declinar da palabra
nos límpidos farallóns que son memoria.

Que arxila indemne nos prófugos dédalos
na exasperante contradición de facer castelos
que serán ruínas memorables.

A verdade comunmente pasa inadvertida
entre múltiples razóns
escanciada nese trago que xa bebemos.

Con que estraña paixón
cada palabra vén aos teus labios.


Raquel Pazos
14 agosto 2015
Licencia de Creative Commons

30 de maio de 2015


CORAZÓN-PATACA


O amor labra pedras abruptas
Convérteas en pezas laminadas
Prestas a calquera edificación.


Fixo do meu corazón esta pataca



"corazónpataca"
RAQUEL PAZOS

Licencia de Creative Commons


19 de maio de 2015

CRUA FINALIDADE


"La manzana mordida"
ARAMIS LORIE


CRUA FINALIDADE

Non fuches quen de facer as cavadelas ao dereito cun mínimo de forza
a semente crecía predisposta ao fracaso
este cultivo, sabiámolo ben, nunca daría bo froito,
cando as cousas veñen torcidas e son febles
comezan por federte
continúan por ferirte
e conclúen por foderte.

Licencia de Creative Commons

13 de abril de 2015

ROMANA



ROMANA

Non me chames romana
porque vou cargada
con xoias de luxo
que son parafusos de cor de prata
Acaso te xactas porque levo
o lastre da historia nas mans?

Non me chames romana
os aneis de aceiro,
son as roscas que me faltan
parte activa da miña identidade preconcibida,
e altamente inconclusa
e resgan a pel se te acarician
deixan marcas na cara
e noutras partes
Ai! noutras partes extremas…
feren con astucia a pracer

Non me chames romana
para me provocares
pois levo metralla nas mans
e son arteira francotiradora.

Licencia de Creative Commons

15 de março de 2015




Ai! amor fóisenos a tarde
escribo para non durmir
e canto nanas de doces soños
arrolo ao verso no meu regazo
combatente.
Licencia de Creative Commons

22 de janeiro de 2015

CIUTAT MORTA



VER DOCUMENTAL

VER FRAGMENTO CENSURADO


Diante do espello soporto a xornada laboral
a última da fila,
no día de hoxe case o agradezo
Hoxe que non teño ganas
de aturar a ninguén
un chinés leva cinco orellas
como un toureiro
e dous corazóns
a tantos que lles fai falta!
aínda que sexa de porco!
Parece tímido. Non son racista.
Son esa quen che cobra
o sustento día a día
e hoxe pagaría por ser invisible
que non me veña ningún desagradable
porque hoxe a monto ou me poño a chorar
non teño voz nin que dicir
o sucedido o 4 F e a Patricia Heras
deixáronme profundamente impresionada.
Búscome no espello, diante de min
e non me recoñezo.
Nel está unha tipa que olla para min solícita
sorrí e cala, cala, cala…


 Raquel Pazos
Licencia de Creative Commons