29 de dezembro de 2016


O sitio parecía estar a me esperar
cun par de manobras
que finalmente foron catro ou cinco
pola miña ineptitude e falta de costume
a non atopar as cousas nunca
na súa xusta medida
e a meterme de cabeza e xa
Golpeei os laterais e rasquei as defensas
O tipo de rabuño que che fere
no máis profundo
cando a carrozaría está impecable
A verdade, aquilo estaba a resultar
exasperante para min
e un tanto embarazoso

E todo por encaixarme
ao teu amor chico


Leandro Lamas

25 de dezembro de 2016

A LUZ ACESA


A LUZ ACESA

De retiro, ata pronto,
Porque eu vinche crecer coa melena ondulada ao vento
e os bolardos servíannos para facer cabriolas e pasar o tempo divertido
Por entón a vida corría a toda velocidade e o furacán era unha ilusionante aventura
Logo foi cando ordenamos as estancias e os alisios mantíñanse relativamente constantes, sen confluencias,
a miña liberdade, a túa independencia
Xa por entón advertimos que todo podía suceder pese a ter
a luz acesa, os cadros enmarcados
cada un na súa parede
mentres caía o muro de Berlín
tivemos que tender pontes
e lanzar bengalas para saber da nosa posición no mundo.
Cando saias, fai favor, pecha a porta
e deixa a tele acesa
por si esperto en metade da
noite
e non sei onde estou.


13 de novembro de 2016


É cedo
Non mereces o meu desvelo
Nin a loita de correntes río abaixo
Hoxe verei amencer
Amence escuro
Fóra chove
Dentro un paxaro canta.


7 de outubro de 2016

ALBORADA E SOLPOR *

Outro mundo é posíbel
Eu quedo coa ingrávida
moza con futuro
que ama profundamente o rumor da vida
a do pedaleo incesante
Encho o vaso e non choro
ao recordar algún verso de Keats
O curtume é un proceso laborioso e lento
Brindemos polo lume e a alborada
Non importa se fóra chove
O ceo tínguese de rubio ao solpor.

* Sobre o poema “Principios y Finales” de Joan Margarit


LEANDRO  LAMAS

Safe Creative #1610079394314



1 de outubro de 2016

FORÁNEA

FORÁNEA coma o kiwi
esta doce invasión dos gomos
que fan memoria no padal
Somos a nosa historia
para que, para cando, para onde
Foránea con toda esta armazón
porque a pel absorbe, din
os sales minerais diluídos
porque a pel absorbe facilmente a pomada
Foránea coma un vimbio na quinta avenida
porque queda ben lindo
coma corenta gavelas de estrume
a presión, nun ascensor
Tanto falar para non dicir nada
nesta lingua estranxeira na súa propia terra.

"Todos los cielos" - PELAYO ORTEGA

Safe Creative #1610019352558

28 de setembro de 2016

ARRIBADA

RICHARD CROW

Agora, que as circunstancias me levaron
a tomar as túas mans
á desesperada
enlazar os nosos dedos
con temible profusión
sen incendiarme
bicar as túas pálpebras molladas
e con total naturalidade
amarrarme a ti
tenra aínda que fugazmente
Agora permíteme abordar tamén
as cicatrices,
co fío sobrante facer cordas
é preciso atar os cabos
coa forza da arribada
ben sabes, meu amor
na éxtase máis íntima
a estadía faise curta
Agora seino ben,
Agora que partiches.



13 de junho de 2016

MARCHACHES como as cereixas de maio
collidas da man de dúas en dúas,
logo do rotundo esplendor
e quedamos con doce sabor intenso na boca
a rebentar
tanta fartura fainos moito máis lentos
non damos creto
e aínda cos labios morados
tentamos
que reaccionen as mans
e as mans sen tino non responden
para apañar as carabuñas
deste campo minado
no que nos deixaches abandonados
moito antes de tempo.



Licencia de Creative Commons

7 de junho de 2016

A VIAXE




Que pouco temos por dicirmos
ti e mais eu,
as palabras que falan de nós
prefiren quedar á sombra
ao recendo da maceira en flor
Acompáñame golpeada e medio rota
cargada  de máis coma sempre, a maleta
por aquilo de recordarme o efémero das cousas
Eu pertinaz a miúdo
sento nela para fechala
e manteño a ilusión vigorosa
baixo cadeado
para que na viaxe nin unha soa peza
por máis que se empeñe
quede atrás.
Licencia de Creative Commons

29 de maio de 2016

COA PELOTA NO TELLADO




Profesas a embriaguez
se pensas nela desvanécese o día
porque ela provoca o efecto do alcol
a grolos curtos
ti sempre no arame
e ela, filla do vento
co dano que fai actúa
como unha atractiva pelota de goma brincadora
que bate de parede en parede
sen aliñación ningunha
pum pum, pum pum, pum pum
Non podes ficar indefinidamente impasible
con ela nas mans.

Licencia de Creative Commons

20 de maio de 2016

VIDROS ROTOS


Recollamos os anacos de cristal da ruptura
Non deixemos nin rastro
Despois do ruído estrepitoso
é imposible volver atrás
A inocencia, esa nena que non quere mirar
ten a consistencia fina do cristal
e reconstruíla ten que ver máis con recordar
que co simple feito banal,
con tanto sentimento contido,
de pasar a vasoira sen pensar
O que non debemos facer
é deixar para mañá,
As lascas doen máis canto máis se cravan na pel
e van malévolas directas a esfacelar
ó malpocado corazón.

Licencia de Creative Commons

4 de maio de 2016


HAI XENTE que camiña, xente que avanza
Hai xente que entorpece
E logo adianta e fai a cambadela
Hai xente que enmudece
E hai quen fai enmudecer
Hai xente que te afunde na miseria
E xente que te salva con retranca
Hai quen che ofrece a súa man miúda
Cargada de esperanza
E valora un can palleirán
Hai quen mete decotío o can pola bouza
E téndeche unha trampa
Esvaradía como un paso de peóns
Nun día de chuvia
Hai quen sega a mala herba
Hai quen tende a herba ao sol
E hai…
Quen só mira o seu embigo
E o palleiro dos demais.

Hai xente para todo

Licencia de Creative Commons

1 de maio de 2016

HEDÓNICA INTERPRETACIÓN

Aínda podo pensar que non te coñezo,
que nunca existiches
borrarche dunha plumada
como un guión inacabado
teño poderes máxicos
para dirixir os soños
para inventarme a vida
porque realmente…
somos actores nun papel de prezada modulación
podo elixir aviarte nas miñas ás
ou limpar as follas caídas, murchas
pero decidín amarte libremente
sen avaliar a túa condición de voz en off
sen o teu consentimento
A felicidade  é un estado emocional
altamente subxectivo
a idílica estación en tránsito
á que permanezo fiel

Talvez a escena final sexa
unha versión propia.



Licencia de Creative Commons

19 de abril de 2016

ECUADOR


O imPacífico mar fixo tremer
as túas veloces ás de colorido plumaxe
en retroceso
Manta, Portoviejo, Pedernales, Esmeraldas
sobrevivir coa astucia dun colibrí
suspendido no aire
a mil douscentos latexos por minuto.



Licencia de Creative Commons

10 de abril de 2016

DESPOIS DE TODO

MI COCODRILO ES POETA Y VIVE EN MIS SUEÑOS COMO LAS COMETAS
 Acrílico y óleo sobre tabla
 CAROLINA CUADRILLERO.


DESPOIS DE TODO


Os teus pasos eran breves e seguros
eu apuraba como un papaventos
tras de ti
tras os teus pasos eu vía o futuro asegurado
xunto a ti, a independencia era só
unha palabra sen sentido
un impensable
totalmente innecesaria
Despois de todo
ao amencer non lle importa o canto dos paxaros
eu era un papaventos colorido e feliz
atado a túa cintura
venerando a túa destreza
maxistralmente dirixido
porque desde o aire nada se fai inalcanzable
Os teus pasos eran breves e seguros
ata que entraches na casa
e pechaches a porta

Despois de todo quedei fóra
e fun abandonada
como un papaventos á intemperie
e cada tempestade amosa unha ensinanza
e toda bonanza achega unha experiencia.

Licencia de Creative Commons

4 de abril de 2016

ANTES DE NADA

ISTVAN SANDORFI

ANTES DE NADA
a Enzo

Fagamos un silencio lacrado dos nosos labios
a base de colofonia, goma laca e trementina
unha canle pola que percorrernos sen estupor
un suco onde a indiferenza non nos condene
Fagamos do desexo un rumor imperceptible
Fagamos un traxe a medida
co que non nos recoñezan
empecemos polo que nunca foi escrito

Fagamos o amor
e esquezamos as gretas no teito.

Licencia de Creative Commons


1 de abril de 2016

UN CUARTO PARA DOUS

François-Édouard Picot

UN CUARTO PARA DOUS

Ela quería estar presente no seu universo
ser alguén importante
unha tatuaxe na súa pel
participar dos seus soños
compartir a ilusión
e manter un espazo común,
algo máis que un fío de auga
na estiaxe da memoria
un cuarto para dous
alguén a quen contarlle o ruído
que fai a chuvia
ao bater no cristal

Non sei se isto é amor
un desatino cruel do alado cupido
non o sei
pero non foi posible

O certo é que a el moléstalle a súa presenza
baixo as sabas apenas se respira
xa non lle alcanza o aire
mais decide agardar en silencio
a que se afaste ese mosquito impertinente
que é o que para el é

unha imposición forzosa
unha leve irritación.

Licencia de Creative Commons

19 de fevereiro de 2016

SUBMISIÓN CON SOMBRA

Christian Schloe

A submisión apareceu cedo pola porta
viña acompañada dunha sombra decidida
porque someterse é renunciar
Unha sombra longa, longa
como unha árbore en flor
e desobediente como unha adolescente atrevida
que se mofa
das boas formas, dos abrazos melosos
dos bicos pasaxeiros que nos damos
das boas intencións
que enumeramos cada día
do teu “eu tamén”
cando che digo quérote co pulso batendo a mil
como cando liberei nun muro alto
ao pardal ferido que sandei
e nun tris, á miña vista,
chapouno un gato.

Licencia de Creative Commons

12 de fevereiro de 2016

Denis Nuñez Rodríguez

Á MÁIS AMADA
Á vivace sensitiva
Á chama na lumieira
Á lírica apaixonada
Á prezada flor

Á pérfida sensual
Á decrescendo impasible
Á cinsa na lareira
Á estridente disonante
Á espiña traizoeira

Á resistencia

Ao tempo
que pon ás cousas no seu sitio

Licencia de Creative Commons

10 de fevereiro de 2016


 István Sándorfi© – “Hommage nepharene”

MÍRAME ben
fáloche desde o máis profundo
con todas as extremidades conformes
a punto, hábiles
para que nos entendamos
cara onde indican mans
os pés sairán correndo
nese preciso instante veloz
do que non quero escapar
nese momento crucial no que
o corpo fica abandonado
e o que rexe é tan lúcido
que dá medo
Teño curiosidade por verte
paseando pola rúa
no declinar da tarde
e saber de quen levas collida a man,
quen che fai sorrir
con esa paixón desbordante
Mírame ben
non teño os pés no chan

Tanto amor traerá hordas dolorosas

2

Tanto amor traerá hordas dolorosas
fontes de pracer
Sufrirás tanto como ames
niso consiste a felicidade
en amar, máis que en sentirse amado
O amor, roupa húmida tendida ao sol
esperando, esperar sempre á fera insaciable
que veña devorarte con tanta paixón
que a brevidade da vida che sexa leve
que sexa comigo tan leve
como no declinar da tarde unha posta de sol

3

Nunha posta de sol

O teu recordo é unha mancha indeleble
porque derramaches o amor
oculto na última copa
sobre o meu pantalón
e a gotiñas case inapreciables tamén
nos meus zapatos de diario.

Licencia de Creative Commons