19 de fevereiro de 2016

SUBMISIÓN CON SOMBRA

Christian Schloe

A submisión apareceu cedo pola porta
viña acompañada dunha sombra decidida
porque someterse é renunciar
Unha sombra longa, longa
como unha árbore en flor
e desobediente como unha adolescente atrevida
que se mofa
das boas formas, dos abrazos melosos
dos bicos pasaxeiros que nos damos
das boas intencións
que enumeramos cada día
do teu “eu tamén”
cando che digo quérote co pulso batendo a mil
como cando liberei nun muro alto
ao pardal ferido que sandei
e nun tris, á miña vista,
chapouno un gato.

Licencia de Creative Commons

12 de fevereiro de 2016

Denis Nuñez Rodríguez

Á MÁIS AMADA
Á vivace sensitiva
Á chama na lumieira
Á lírica apaixonada
Á prezada flor

Á pérfida sensual
Á decrescendo impasible
Á cinsa na lareira
Á estridente disonante
Á espiña traizoeira

Á resistencia

Ao tempo
que pon ás cousas no seu sitio

Licencia de Creative Commons

10 de fevereiro de 2016


 István Sándorfi© – “Hommage nepharene”

MÍRAME ben
fáloche desde o máis profundo
con todas as extremidades conformes
a punto, hábiles
para que nos entendamos
cara onde indican mans
os pés sairán correndo
nese preciso instante veloz
do que non quero escapar
nese momento crucial no que
o corpo fica abandonado
e o que rexe é tan lúcido
que dá medo
Teño curiosidade por verte
paseando pola rúa
no declinar da tarde
e saber de quen levas collida a man,
quen che fai sorrir
con esa paixón desbordante
Mírame ben
non teño os pés no chan

Tanto amor traerá hordas dolorosas

2

Tanto amor traerá hordas dolorosas
fontes de pracer
Sufrirás tanto como ames
niso consiste a felicidade
en amar, máis que en sentirse amado
O amor, roupa húmida tendida ao sol
esperando, esperar sempre á fera insaciable
que veña devorarte con tanta paixón
que a brevidade da vida che sexa leve
que sexa comigo tan leve
como no declinar da tarde unha posta de sol

3

Nunha posta de sol

O teu recordo é unha mancha indeleble
porque derramaches o amor
oculto na última copa
sobre o meu pantalón
e a gotiñas case inapreciables tamén
nos meus zapatos de diario.

Licencia de Creative Commons