29 de maio de 2016

COA PELOTA NO TELLADO




Profesas a embriaguez
se pensas nela desvanécese o día
porque ela provoca o efecto do alcol
a grolos curtos
ti sempre no arame
e ela, filla do vento
co dano que fai actúa
como unha atractiva pelota de goma brincadora
que bate de parede en parede
sen aliñación ningunha
pum pum, pum pum, pum pum
Non podes ficar indefinidamente impasible
con ela nas mans.

Licencia de Creative Commons

20 de maio de 2016

VIDROS ROTOS


Recollamos os anacos de cristal da ruptura
Non deixemos nin rastro
Despois do ruído estrepitoso
é imposible volver atrás
A inocencia, esa nena que non quere mirar
ten a consistencia fina do cristal
e reconstruíla ten que ver máis con recordar
que co simple feito banal,
con tanto sentimento contido,
de pasar a vasoira sen pensar
O que non debemos facer
é deixar para mañá,
As lascas doen máis canto máis se cravan na pel
e van malévolas directas a esfacelar
ó malpocado corazón.

Licencia de Creative Commons

4 de maio de 2016


HAI XENTE que camiña, xente que avanza
Hai xente que entorpece
E logo adianta e fai a cambadela
Hai xente que enmudece
E hai quen fai enmudecer
Hai xente que te afunde na miseria
E xente que te salva con retranca
Hai quen che ofrece a súa man miúda
Cargada de esperanza
E valora un can palleirán
Hai quen mete decotío o can pola bouza
E téndeche unha trampa
Esvaradía como un paso de peóns
Nun día de chuvia
Hai quen sega a mala herba
Hai quen tende a herba ao sol
E hai…
Quen só mira o seu embigo
E o palleiro dos demais.

Hai xente para todo

Licencia de Creative Commons

1 de maio de 2016

HEDÓNICA INTERPRETACIÓN

Aínda podo pensar que non te coñezo,
que nunca existiches
borrarche dunha plumada
como un guión inacabado
teño poderes máxicos
para dirixir os soños
para inventarme a vida
porque realmente…
somos actores nun papel de prezada modulación
podo elixir aviarte nas miñas ás
ou limpar as follas caídas, murchas
pero decidín amarte libremente
sen avaliar a túa condición de voz en off
sen o teu consentimento
A felicidade  é un estado emocional
altamente subxectivo
a idílica estación en tránsito
á que permanezo fiel

Talvez a escena final sexa
unha versión propia.



Licencia de Creative Commons