29 de dezembro de 2016


O sitio parecía estar a me esperar
cun par de manobras
que finalmente foron catro ou cinco
pola miña ineptitude e falta de costume
a non atopar as cousas nunca
na súa xusta medida
e a meterme de cabeza e xa
Golpeei os laterais e rasquei as defensas
O tipo de rabuño que che fere
no máis profundo
cando a carrozaría está impecable
A verdade, aquilo estaba a resultar
exasperante para min
e un tanto embarazoso

E todo por encaixarme
ao teu amor chico


Leandro Lamas

25 de dezembro de 2016

A LUZ ACESA


A LUZ ACESA

De retiro, ata pronto,
Porque eu vinche crecer coa melena ondulada ao vento
e os bolardos servíannos para facer cabriolas e pasar o tempo divertido
Por entón a vida corría a toda velocidade e o furacán era unha ilusionante aventura
Logo foi cando ordenamos as estancias e os alisios mantíñanse relativamente constantes, sen confluencias,
a miña liberdade, a túa independencia
Xa por entón advertimos que todo podía suceder pese a ter
a luz acesa, os cadros enmarcados
cada un na súa parede
mentres caía o muro de Berlín
tivemos que tender pontes
e lanzar bengalas para saber da nosa posición no mundo.
Cando saias, fai favor, pecha a porta
e deixa a tele acesa
por si esperto en metade da
noite
e non sei onde estou.